Kepa Junkera: galego de honra

Xa non é unha novidade e moito falouse del, pero podemos escoitar unha e outra vez o disco Galiza de Kepa Junquera e sentimos que algo del queda aínda por contar. O embaixador máis internacional da trikitixa xuntou no estudio de gravación a maioría dos músicos destacados do folclore e folk galego e lévanos, a través de vinte e tres temas, de viaxe por toda a nosa terra.

Kepa Junkera coñece ben a nosa música e ten unha especial sensibilidade para mesturala con sons propios de Euskadi, resultando un traballo que nos enche de orgullo. E dicimos “orgullo”, xa que por enésima vez descubrimos que a nosa tradición é grande, que é importante. Non é necesario que veña un de Bilbao para que o saibamos, pero si nos reafirma un pouco máis no convencemento de que a nosa cultura é un ben de grandísma riqueza e valor.

Inventamos o título, pero cremos que se existise Kepa Junkera sería merecedor deste: galego de honra.

Kepa Junkera: Galiza, Fol Música, 2013.

Advertisements