O cuarteto que é un sexteto

Sen dúbida, o primeiro que chama a atención de Cuarteto Caramuxo é a súa formación: Felipe Agell, Oscar Prieto, Xoán Carlos Vazquez e Fernando Abreu nos clarinetes; Marcos Padrón no acordeón; e, Patricia Cela na percusión. E chama a atención non xa pola excelente calidade musical dos seus integrantes, que abondalles, senón pola pregunta que xorde na nosa cabeza: Seis músicos que forman un cuarteto? Pero non só iso, antes de chegar a escoitalos tamén destaca a presenza dalgúns instrumentos pouco común na música galega e xa apetece escoitalos. Pero, unha vez que comeza o espectáculo xa non quedan dúbidas, o máis significativo desta formación e a orixinalidade da súa música.

Cuarteto Caramuxo reinterpreta a música tradicional galega, para o que acude as melodías recollidas nos cancioneiros populares galegos e tamén a composicións contemporáneas galegas que foron feitas expresamente para eles. E malia basear con fonda raigame o seu estilo na música da tradición galega, nas súas interpretacións están presentes melodías doutras culturas, do jazz o mesmo do pop.

Cuarteto Caramuxo

Recentemente tivemos ocasión de presenciar un concerto de Caramuxo en Vigo e abraiounos a moi coidada teatral posta en escea e por suposto comprobar que os arranxos que se escoitan no seu disco “Tiruriru” (Falcatruada, 2009) exprésanse con maior nivel no directo e que o seu estilo, que non é doado referencialo no panorama cultural galego, fai vibrar e gozar en cada peza.

O escritor e académico da RAG, Xesús Ferro Ruibal, describiunos con acerto: Os Caramuxos son seriedade divertida.

Poderedes apreciar, na gravación da súa actuación ó vivo no Grande Theatre de Lorient, que o expresado arriba non é exaxeración.

Advertisements